PASADO

As orixes

A contorna de Lourizán posúe un denso e rico patrimonio cultural. As súas inmellorables condicións naturais favoreceron o establecemento de asentamentos habitados dende a idade de Ferro. A pegada das diferentes culturas reflíctese nas gran cantidade de vestixios atopados na zona, moitos dos cales están en grave risco, debido a presenza da fábrica de celulosa. Algúns restos arqueolóxicos están soterrados baixo o recheo, mentres que os principais elementos patrimoniais arquitectónicos atópanse completamente descontextualizados polas barreiras da fábrica e a autovía. 

Entre os elementos catalogados están os gravados rupestres da Pedra do Casal no Monte do Sino, e os petróglifos de Praceres. Monte arriba atópanse os gravados da Cova de Penedo do Mato Fondo e, no Carramal, o Pozo da Escribana e o Penedo de Vilar de Matos. 

Recreación da Contorna de Pontevedra e vestixios da Idade de Ferro, coa vía XIX romana
Enseada de Lourizán, hipótese do territorio ca. S.II

Na zona hai tres castros da Idade de Ferro identificados: O Castro das Croas, A Carballeira do Castro e o Castro de Salcedo. Ademais, atopáronse vestixios romanos, que apoiarían a hipótese dun asentamento na zona de O Sartán. Entre eles, moedas, unhas aras dedicadas a “ Vestius Aloniecus ”, ou os restos dunha posible mansión e fábrica de Salgadura do mesmo período. Nas Memorias do Arzobispado de Santiago escritas por Jerónimo del Hoyo no século XVII, aseguraba da existencia do asentamento romano, inicialmente no Cabo de Os Praceres, e posteriormente trasladado, por seguridade, río arriba. Aínda que non existen estudos que ratifiquen esta hipótese, a península dos Praceres era un varadoiro natural onde a ría collía profundidade e podería conectar coa vía XIX Romana polo camiño que actualmente conecta os Pazos de Lourizán e a Carballeira de Gandarón e chega ao río Gafos-Tomeza a altura da Ponte do Couto.

Pouco coñecemos do período alto medieval, previo a fundación da cidade de Pontevedra no século XII. Nas escavacións de 1944 tamén se atopou unha Faleira visigoda, trátase dunha placa de bronce que podería ser unha decoración militar, un adorno ou un símbolo de prestixio. Actualmente se atopa no Museo de Pontevedra. O pai Sarmiento sitúa a fundación dun Mosteiro e Igrexa de San Miguel, na illa de Tambo, sobre o século VI, durante o reino suevo de Galicia. Existen referencias a freguesía de San Andrés de Lourizán dende o século XIV, así como da existencia de dúas capelas, unha dedicada a virxe da Nosa Señora dos Praceres (por un tempo chamada de Quitapesares, pola connotación pecaminosa da anterior) e outra a San Gregorio, na zona da Gandarela. 

Mapa do Atlas de Pedro Teixeira 1634
Mapa da Ría de Pontevedra, 1595

Na detallada cartografía realizada ao tempo que Rodríguez Moñiz inventariaba a villa en 1595 pódese observar a capela dos Praceres, no cabo de Lourizán, así coma unha áncora, que representa os portos da ría, na zona da Gandarela. Os documentos do Departamento de Ferrol do século XVIII confirman Lourizán coma un dos portos recoñecidos. A dificultade de navegación augas arriba, por causa da acumulación de sedimentos fai que so os máis coñecedores mariñeiros poidan atravesar a barra de area de Os Praceres. Mesmo o pirata Drake tivo que fondear na Illa de Tambo no seu intento de saqueo de Pontevedra a finais do século XVI.  

Unha curiosa proposta para a defensa da vila de Pontevedra a principios do século XVIII tivo a Lourizán coma protagonista. Trátase dun peirao de case dous quilómetros que conectaría a punta de Praceres coa illa de Tambo. Este peirao contaría cun estreito paso para as embarcacións que saían do “caño” de Pontevedra e serviría de amarre aos navíos de maior calado. Polo outro lado da illa, un arrecife artificial ata Combarro pecharía a entrada de embarcacións hostís ao fondo da ría.  A proposta incluía a construción dun arsenal e estaleiros na fronte marítima hoxe ocupada polo porto de Marín, e unha fortificación, o Forte de San Fernando, onde hoxe se atopa a Escola Naval Militar.

Plano da vila e porto de Marín na ría de Pontevedra ca. 1700
Mapa Antonio de Alcalá, 1793
Mapa feito por Antonio de Alcalá, 1793

A freguesía de Lourizán debeu ter un crecemento notable entre os séculos XVI e XVII, xa que a descripción de Jerónimo del Hoyo para o arcebispado de Santiago en 1607  fala de 40 fregueses, mentres que o Catastro de Ensenada, coa visita datada en 1752, conta entre 202 e 204 casas habitadas. Neste documento tamén se constatan 31 dornas duns 38 navegantes veciños de Lourizán, sendo o mar o principal recurso da contorna. O principal cultivo é a viña, aínda que tamén se da o millo, centeno e, en menor medida, o trigo. A madeira obtense das carballeiras e das xestas, que se cortan cada 6 anos para facer leña, mentres que as cañas e vimbios se cortan cada ano . A freguesía tamén contaba daquela cun notario, un mestre de escola, 16 tecedores, 2 sastres, 1 sangrador, 5 carpinteiros, 1 ferreiro, 1 calafate de barcos, 2 taberneiras (unha delas tamén estanqueira) e 7 costureiras. 

O Pazo de Lourizán

Tal como describe o Catastro de Ensenada, Lourizán é un señorío adscrito ao Arzobispado de Santiago, levado en foro polo Marqués da Serra, da familia Mariño de Lobeira e posteriormente Patiño, propietarios dun predio que, ao cabo dos anos, e tras pasar por diferentes propietarios, sería adquirido por Montero Ríos en 1879 para facer nel a súa residencia de verán.  Sería o comezo dunha época dourada na contorna. Eugenio Montero Ríos (1832-1914) foi un dos persoeiros máis destacados da política española do último tercio do século XIX e principios do XX. Ocupou entre outros cargos, o de ministro de Xustiza, ministro de Fomento, presidente do Goberno (durante 6 meses), presidente do Tribunal Supremo, reitor de Instituto de Libre Ensinanza, presidente do Senado e poñente da Constitución de 1869.

Granxa da Serra (actual Pazo de Lourizán), 1874
Plano da Granxa da Serra, encargado por Montero Ríos a Manuel Fernández Soler, 1887

A Granxa da Serra tiña un carácter de explotación rural, cunha edificación principal e varias auxiliares, que incluían un muíño, hórreos, pombal, fontes e alpendres. Aínda que tamén contaba con zonas ornamentais, coma grutas, e paseos arborados,  tal coma se pode apreciar no levantamento topográfico encargado a Manuel Fernández Soler. Montero Ríos fai unhas reformas iniciais nas fachadas, interior e xardíns para adaptalo a súa extensa familia e as numerosas actividades sociais que albergaría. A gran reforma que lle confire os aspecto actual foi encargada a Jenaro de la Fuente Domínguez en 1909, que amplía o edificio principal e reforma a capela empregando un estilo ecléctico que mestura composición espacial neoclásica con ornamentación modernista e influencias francesas, coma as cubertas amansardadas rematadas en lousa e zinc.

O xardín do Pazo de Lourizán mantén elementos que xa figuran no plano de Fernández Soler, coma O Parque das Rías, que aproveita a auga do principal regato que discorre pola propiedade, para crear un percorrido sinuoso baixo a sombra dos magnolios, que comeza nunha gruta artificial e remata nunha piscina. A composición paisaxística ten unha evidente influencia romántica, cunha recreación dramática da natureza, utilizando pedra volcánica e efectos visuais, como na gruta dos espellos, ou a presenza continua da auga en cascadas, regatos ou estanques. A temática escultórica facía de contrapunto clásico con referencias a Sófocles, Palas Atenea, o Discóbolo ou Diana de Versalles, dispostos en puntos estratéxicos do xardín e na entrada do Pazo. O invernadoiro de ferro e cristal introducía unha referencia industrial de estética Art Nouveau e aloxaba unha escultura de Cristobal Colón, hoxe situada no centro de Pontevedra. A vexetación autóctona da finca estaba formada por carballos, loureiros, amieiros, salgueiros, abeleiras e xestas. Foi complementada nos xardíns con castiñeiros e especies ornamentais que incluían o magnolio, camelias, plátanos, palmeiras, cedros do líbano e sequoias. A partir dos anos 50 do século XX, sendo xa un centro de investigación forestais, introdúcense numerosas exemplares exóticos de eucalipto e outras especies para o seu estudio, o que desfigura o carácter da paisaxe orixinal do pazo

Fotografía Zagala, 1886

Paisaxe, sociedade e turismo

Ata a construción da fábrica de Celulosa, a ría chegaba ata o límite da finca do Pazo de Lourizán , o monte aínda non estaba cuberto de eucaliptos e un camiño sinuoso comunicaba os distintos núcleos de poboación, así como os pazos principais. A relación entre as distintas casas vén confirmada, entre outras cousas, pola vinculación entre Josefina Becerra Malvar (Pazo Gandarón ) e Eugenio Montero Villegas (fillo de Montero Ríos e deputado a Cortes e director xeral de Agricultura). O percorrido polas 4 casas, duns 3 km de lonxitude, continuaría ata as brañas do espazo natural de interese local do río Gafos, creando un itinerario de gran interese natural e cultural.

A relación entre os terreos vinculados aos Pazos de Lourizán e Salcedo a comezos do século XX
Plano de la finca del Pazo de Gandarón, 1928

Pazo de Gandarón

Construído polo arcebispo Sebastián Malvar, no século XVIII. No século XIX a herdeira Josefa Malvar de la Maza Quiroga, filla de Jerónimo Malvar, que casaría co político Manuel Becerra Armesto.  O seu herdeiro, Joaquín Becerra Malvar vendeu a propiedade á Deputación de Pontevedra en 1928 para aloxar a Misión Biolóxica de Galicia, un centro de investigación agrícola fundado por Cruz Gallástegui en 1921 onde se estudan os procesos xenéticos, bioquímicos e ecolóxicos para facer máis eficiente a agricultura e silvicultura.

Pazo de Lourizán na actualidade

Durante a estadías de Montero Ríos, o Pazo de Lourizán é o centro neurálxico da actividade social e política de Pontevedra, recibindo numerosas autoridades a nivel estatal a albergando eventos e celebracións. É a principal propiedade do grupo de mansións, situadas a 3 km ao sur de Pontevedra, que albergaba as residencias de verán de parte da alta burguesía, entre as que se atopan a vivenda de Valentín García Escudero (hoxe Estación Fitopatolóxica na Finca Areeiro) a do alcalde Boullosa, no de Pazo Miradores, ou a do alcalde Becerra  (Pazo da Carballeira de Gandarón (hoxe Misión Biolóxica de Galicia, parte do CSIC ). Tres destas catro explotacións son actualmente de propiedade pública e albergan centros de investigación relacionados co sector agroforestal.

Pazo dos Miradores

Os cadernos de catastro de 1916 identifican o inmoble, no lugar de Carramal, como dos herdeiros de Emilio Boullosa, un comerciante de produtos de ultramar, quen casou con Luisa Fernández Mariño de Lobera (familia que foi propietaria da Granxa da Serra, como se menciona máis arriba). O seu descendente Luis Boullosa Mariño (1868) foi alcalde de Pontevedra entre 1915-1917, e viviu no Pazo ata o seu falecemento en 1938. Actualmente é de propiedade privada e utilízase coma residencia de verán e, máis recentemente, para a celebración de vodas e outros eventos.

Pazo dos Miradores
Plano da Finca Areeiro, 1966 e croquis do catastro, 1930

Finca Areeiro

Residencia de verán e granxa vitivinícola de Valentín García Escudero, notario de Pontevedra dende 1859, tenente de alcalde en 1868 e deputado nas Cortes entre 1872 e 1879. Os viños producidos no Areeiro foron comercializados durante anos. O documento do catastro de 1930 mostra unha galería de madeira e balaustrada de pedra na fachada principal, actualmente deturpada por unha reforma de formigón. Foi adquirida pola Deputación de Pontevedra en 1941. En 1966 a Deputación fai obras de mellora e adaptación na finca, que se atopaba nun lamentable estado de conservación, para aloxar o Servizo Provincial de Mellora Gandeira. O proxecto inclúe a plantación de cultivos para o alimento do gando, así coma os espazos para os animais (vacas e porcos), e a vivenda do encargado da explotación.  En 1981 créase a Estación Fitopatolóxica, un centro de investigación e asesoramento do sector agrícola e forestal, especializado en pragas, enfermidades e a conservación da biodiversidade

Centro social e turismo

A mellora do camiño da costa e a posta en marcha dun tranvía entre Marín e Pontevedra en 1889 converten a praia dos Praceres no centro do ocio estival. Montero Ríos facilita a financiación dunha nova Igrexa Parroquial, proxectada polo arquitecto Domingo Sesmeros, e constrúe un Pavillón de Invitados, deseñada por Santiago Hernández, que logo se convertería nun complexo hoteleiro, con Gran Hotel, Casa de Baños de Mar, Salón Teatro e Clube de Regatas. A centro de veraneo atrae a ilustres visitantes, entre os que se inclúen José Echegaray (Premio Nobel de Literatura en 1904) ou Castelao.

Praia dos Praceres, casa de baños e Igrexa de Santo André de Lourizán, ca. 1900

Tras a morte de Montero Ríos, os herdeiros ceden o complexo hoteleiro a unha orde relixiosa para o seu uso coma internado e escola. O Pazo de Lourizán é adquirido pola Deputación Provincial nos anos 40 para a instalación dun Centro de Investigación Forestal e unha Escola de Capataces. Nos anos 1950 comeza a prantación do Eucalyptetum, ao sur do Pazo, que actualmente conta con máis de 80 especies e outras categorías taxonómicas desta familia. En maio de 2023, o Pazo de Lourizán e parte dos xardíns son declarados Ben de Interese Cultural. A finais dese mesmo ano convócase un concurso de ideas para rehabilitar o Pazo e transformalo nun Centro de Convencións e Hoteleiro vinculado a investigación forestal.

Pazo de Lourizán, ca. 1900

A construción da fábrica de Celulosa- Ence

Os primeiros estudos sobre a construción dunha fábrica de celulosa en Galicia fanse durante a ditadura de Primo de Rivera, entre 1926 e 1927, sendo encargadas pola Deputación de Pontevedra, presidida por Daniel de la Sota. A mesma institución deu comezo aos plans de repoboación forestal, usando especies de rápido crecemento (principalmente piñeiro), seguindo o cambio de paradigma nas políticas forestais de principios de século, que deixaba de lado cuestións ambientais ou ornamentais para dar prioridade a produtividade económica. Este primeiro intento queda en nada, debido a falta de financiación primeiro e, posteriormente, ao golpe de estado de 1936 que deu lugar a Guerra Civil.

Cabo dos Praceres e Lourizán antes da construción da fábrica
Os Placeres ca.1920

A política industrial do primeiro período franquista continúa as liñas do anterior período ditatorial e recolle as influencias autárquicas dos réximes fascistas europeos, marcando coma obxectivo prioritario o uso de recursos e materias primas nacionais para acadar unha maior autosuficiencia e independencia económica. Malia todo, a industria da celulosa foi practicamente inexistente ata finais da década dos anos 50, cando se inicia unha etapa de relativo aperturismo que posibilita a chegada de inversións.

A política industrial do primeiro período franquista continúa as liñas do anterior período ditatorial e recolle as influencias autárquicas dos réximes fascistas europeos, marcando coma obxectivo prioritario o uso de recursos e materias primas nacionais para acadar unha maior autosuficiencia e independencia económica. Malia todo, a industria da celulosa foi practicamente inexistente ata finais da década dos anos 50, cando se inicia unha etapa de relativo aperturismo que posibilita a chegada de inversións.

Rapazas nas Pedras Carneiras, ao fondo a Igrexa de Santo André e os Praceres, 1957. Foto Rafa
Grupo de nenos e nenas na praia de Lourizán

No ano 1940 elabórase o Plan Nacional de Industrial da Celulosa, para que a fabricación de celulosa téxtil fose declarada de interese nacional, non sendo incluída a pasta de papel ata o ano 1949. Dous anos antes, en 1947 se constitúe a sociedade anónima Celulosas de Galicia, que chega a un acordo coa Deputación, para que esta renuncie a construción da factoría que pretendía construír en Pontevedra, a cambio dunhas condicións relacionadas co uso de materia primas de orixe nacional. O proxecto para a  foi rexeitado polo goberno estatal tras uns cambios que incluían un cambio de localización, levándoa a Pontesampaio, e cunha producción prevista de 16.000Tm de celulosa de fibra.  

.

Ao mesmo tempo, outra empresa xa existente, Papelera Española, artellaba a construción dunha fábrica para facer 25.000Tm anuais de pasta de papel nas marxes do río Ulla, entre Padrón e Pontecesures. O goberno do réxime autoriza a instalación en 1951 pero a noticia mobiliza a unha forte oposición, que inclúe aos sectores da pesca, marisqueo, industrias da madeira, da conserva,  biólogos, xornalistas e mesmo dende os sindicatos do réxime e o CSIC. As críticas céntranse nos efectos nocivos que as emisións da fábrica terían nos cultivos mariños da ría de Arousa, ilustrado nos precedentes existentes na baía de Oakland (Estados Unidos) e Arcachon (Francia). A empresa chega a conclusión de que a inversión necesaria para depurar os residuos e mitigar os efectos nocivos absorbería os posibles beneficios, polo que renuncia a instalación da fábrica. 

Ria Pontevedra, 1965
Vista da ría dende Pontevedra, con Lourizán ao fondo,1959 (Arribas)

Tras esa renuncia o Instituto Nacional de Industria  e a Comisión Xestora da Celulosa comezan a estudar posibles emprazamentos na provincia de Pontevedra. Descártase a ría de Vigo polo menor caudal do ríos Verdugo e Oitavén, e o esperado crecemento da demanda de auga da cidade. Os emprazamentos posibles serían no río Umia (Caldas de Reis), no río Tambre (Sigüeiro) e no ríoLérez, sendo a ría de Pontevedra a preferida pola Comisión, xa que, segundo din a riqueza marisqueira é menor que na ría de Arousa, polo que a falta de depuración adecuada dos efluentes non sería tan prexudicial. A proximidade coa materia prima (bosques de piñeiro e eucalipto), a abundancia de auga e a boa comunicación, foron outros factores importantes.

En 1956 o equipo do enxeñeiro finés Kaarlo Amperla, que proxectar a fábrica de Aveiro, visita os posibles emprazamentos, nas Xunqueiras de Alba e A Seca e en Lourizán, sendo esta última a elixida. A fábrica estaba proxectada para producir 30.000 Tm/ano de pasta kraft, prevendo unha ampliación para chegar as 60.000 Tm/ano.  O obxectivo desta instalación, que se complementaría con outras dúas celulosas en Motril e Huelva (aínda que esta sería de celulosa téxtil), sería a de abastecer de pasta á industria papeleira situada en Cataluña e País Vasco, reducindo a importación segundo o modelo autárquico. En ningún caso se propón pechar o ciclo con industrias de transformación, con maior valor engadido, en Galicia.

Fábrica de Ence en construción, 1965 (Paisajes Españoles)
Inauguración de Ence, 1963. No centro da imaxe, o ditador Franco da man do presidente da Deputación Enrique Lorenzo, a dereita: Carmen Polo, o gobernador Civil González Sama e o alcalde Filgueira Valverde

En 1957 se constitúe a Empresa Nacional de Celulosas de Pontevedra, con capital público ao 100%. A fábrica se finaliza en 1962, e a produción de pasta comeza en 1963. Un ano despois se inician os trámites para a implantación da fábrica de cloro Elnosa para producir o cloro necesario para a Celulosa. En 1964 apróbase unha nova ampliación para chegar as 80.000 Tm/ano de pasta. A valoración dos riscos da implantación da fábrica limitábanse a minimizalos, por exemplo no caso dos cheiros se dicía que serían inapreciables coas medidas correctoras previstas, ou a ignoralos, no caso dos residuos ao mar dicindo que a riqueza xerada pola fábrica sería maior que as perdas na pesca e marisqueo. Malia isto, os previsibles efectos nocivos eran ben coñecidos por experiencias anteriores en outros países.

A oposición inicial

No contexto dun réxime autoritario, a oposición a construción dunha fábrica considerada estratéxica para o interese nacional non era algo que se puidese manifestar á lixeira. As administracións oficiais, pero tamén as Cámaras de Comercio e asociacións industriais móstranse favorables, e incluso fan presión para que a localización da fábrica sexa próxima aos seus negocios, en Santiago, Padrón ou Vilagarcía. A Comisión Xestora da Celulosa chega a afearlles a súa nula preocupación pola contaminación da Ría de Arousa que resultaría desa decisión, algo que obviará no caso de Lourizán.

Vista da ría de Pontevedra ao inicio das obras do recheo, 1959
Mariscadoras descargando os marisco dos Praceres, ca. 1908 (Foto Zagala)

Cando Lourizán se perfila como a localización elixida comeza a manifestarse a oposición local. Preto de 300 familias que viven da pesca e o marisqueo na ría de Pontevedra elevan a súa súplica á Comandancia Militar da Mariña en 1956. Conforme o inicio das obras é máis evidente vanse unindo outros sectores afectados, coma os da conserva, e os pescadores e mariscadores da beira norte da ría. O momento álxido prodúcese en 1959, co inicio das obras de dragado e recheo de 40 hectáreas do banco marisqueiro dos Praceres. Ante a perda da súa principal, e en moitos casos única fonte de ingresos, as mariscadoras da comarca organizan manifestacións para evitar o recheo. A mobilización vaise intensificando ante o desprezo recibido as súas demandas e pasan a sabotar as obras, movendo as balizas e obturando as canles de dragada, ante o que o Goberno responde enviando a Infantería da Mariña para controlar as mariscadoras mediante o uso da forza.

 A capacidade disuasoria da ditadura e o desacougo ante a perda definitiva do banco marisqueiro tras o recheo aplacan a oposición, e as protestan pasan a un plano particular ata a recuperación das liberdades no actual período democrático. No ano 1968 as tres factorías de celulosa de España se fusionan na que será a Empresa Nacional de Celulosa (ENCE).

Celulosas, ca. 1960

Referencias:

  • Arcay Barral, Ángel, Jorge Barrecheguren Fernández, Eloy Martínez Soto, Santiago Piñeiro Edreira, y Ernesto  Vázquez-Rey Farto (coord. ). 2017. «Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán».
  • Fortes Bouzán, Xosé. 1995. Pontevedra en el espejo del tiempo. Pontevedra: Caixa de Pontevedra.
  • Juega Puig, Juan, Antonio de la Peña Santos, y Enrique Sotelo Resurrección. 1995. Pontevedra, villa amurallada. Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicaciones.
  • López Quiroga, Jorge, y Artemio Manuel Martínez Tejera, eds. 2017. In tempore sueborum: el tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585): el primer reino medieval de Occidente. Ourense: Deputación Provincial de Ourense.
  • Prada Blanco, Albino. 1992. Montes e industria: o circuito da madeira en Galicia. [2a ed.]. La Coruña: Fundación Caixa Galicia.
  • Rico Boquete, Eduardo. 1997. «La creación de Celulosas de Pontevedra y su influencia en el Sector Forestal de la Provincia».
  • Rico Boquete, Eduardo. 2001. «La política autárquica y la industria de la celulosa en España, 1939-1959».
  • Silva-Pando, F. J., X. I. Fernández Alonso, y J. González Lorenzo. 2018. «Viejos y nuevos árboles singulares en el Jardín Botánico de Lourizán (Pontevedra, España)». Cuadernos de la Sociedad Española de Ciencias Forestales 44(1). doi: 10.31167/csefv0i44.17560.

Arquivos:

Documentais:

  • Paraíso Roubado (2017) Dirixida por Lukas Santiago. Produción Asociación Pola Defensa da Ría

Outras Fontes:

PARTICIPA

A visión do futuro de Lourizán é un proxecto aberto a cidadanía, no que as ideas e propostas constructivas son ben recibidas e poden aportar ao debate sobre a mellor solución para recuperar esta paraxe da Ría de Pontevedra