presente
rexeneración da paisaxe
ría de pontevedra
páxina en construción
Un proxecto de colaboración ApS:
paisaxe
Otero Pedrayo describiu as rías coma unha “síntese admirable da Paisaxe Galega, onde o mar informe, colle forma enchendo con harmonía o vaso de cunca de granito labrado”. Engadía quepara entender Galicia, había que…
SOCIEDADE
A parroquia de Santo André de Lourizán conta con vinte e tres entidades de poboación oficialmente recoñecidas. Na bacía do rego Louriñas están A Torre, Ponte Muíños, Cocheiras, e Gandarela, na do rego do Pazo de…
Infraestruturas
A condición pública do recheo de Lourizán propiciou que non so se instalasen as fábricas de celulosa e cloro, senón tamén instalacións que non tiñan cabida na cidade. Unha vez consolidado o seu carácter industrial…
ECONOMÍA
O proxecto de recuperación da paisaxe da ría de Pontevedra, é unha proposta para reivindicar a re-naturalización do ámbito de Dominio Público Marítimo Terrestre ocupado pola fábrica de celulosa en Lourizán.
IMPACTOS
O proxecto de recuperación da paisaxe da ría de Pontevedra, é unha proposta para reivindicar a re-naturalización do ámbito de Dominio Público Marítimo Terrestre ocupado pola fábrica de celulosa en Lourizán.
PRECEDENTES
O proxecto de recuperación da paisaxe da ría de Pontevedra, é unha proposta para reivindicar a re-naturalización do ámbito de Dominio Público Marítimo Terrestre ocupado pola fábrica de celulosa en Lourizán.
paisaxe
Otero Pedrayo describiu as rías coma unha “síntese admirable da Paisaxe Galega, onde o mar informe, colle forma enchendo con harmonía o vaso de cunca de granito labrado”. Engadía que, para entender Galicia, había que estudiar a luz do Atlántico na ría, nos seus rochedos e areais. Na súa Guía de Galicia fala da concorrida praia dos Praceres, da fermosa Finca dos herdeiros de Montero Ríos e debuxa unha ría de Pontevedra coma un espello de augas azuis, delicadamente bordeada por praias louras e a roca cupular de Tambo.
Pedrayo describe a paisaxe anterior a Ence (a primeira edición da Guía de Galicia é de 1926), antes de que a fábrica destrúa as praias e os eucaliptos ocupen a illa de Tambo e os montes galegos. Aínda así, a contorna de Lourizán ten un gran potencial natural e paisaxístico, que pode ser recuperado por medio da re-naturalización do recheo, unha vez expire a concesión que permite a permanencia da fábrica. Os miradoiros naturais (Monte Sino, Rozo, Pornedo…) que proporcionan a sucesión de suaves promontorios están actualmente afectados polo impacto visual, acústico e olfativo, da celulosa.
Lourizán está inxerido no espazo intermareal formado no esteiro do río Lérez no seu encontro co mar da ría, a cal non acada unha profundidade maior que os movementos da marea ata pasar a punta de Praceres, polo que queda o fondo ao descuberto coa baixa. Entre Mollavao e a Gandarela aprécianse os sedimentos fluviais, mentres que a partir da Gandarela e Lourido xa predomina o fondo de area. Na ribeira de Lourizán desembocan ata 4 regatos que resultan da drenaxe natural da súa topografía. Estas interfases crean uns espazos de gran importancia ecolóxica, aínda que moitos deles están en grave perigo, debido as presións da urbanización e sobre todo, da fábrica de Ence.
Pouco queda xa das carballeiras e dos cultivos de centeo e viña que describía o catastro de Ensenada. O eucalipto é a especie dominante das masas forestais, que foron avanzando a partir do cultivo para explotación no centro de investigación forestal de Lourizán, das especies globulus e nitens nos anos 50. O bosque de eucalipto chega da cume ao mar, pechando a vista dos antigos miradoiros e transformando o mosaico agrícola que aínda non caeu no abandono. A urbanización está máis concentrada na ribeira da ría e vaise disgregando monte arriba, excepto polas trincheiras creadas polas infraestruturas, que fomentan aínda máis a segregación dos ecosistemas e a conectividade precisa para a súa conservación.
Na marxe norte da ría atópase a Enseada da Reiboa, unha zona intermareal entre as praias de Campelo e Combarro. Trátase dun espazo de gran interese paisaxística e gran valor ecolóxico, no que existe unha diversa comunidade de aves, tanto residentes coma migradoras. Entre as especies avistadas se atopan a Garza real, a Gavita, o Mazarico, o Pirlo bulebule, o Gabián común ou a Lavandeira branca, entre outras. Tres regatos aportan sedimentos e un limitado caudal de auga doce, creando unha marisma dunhas 60 hectáreas, accesibles a pé coa marea baixa, o que o converte nun rico banco marisqueiro.
O regato Louriñas desemboca na ría de Pontevedra formando dous ecosistemas de elevado valor ecolóxico: o Ameneiral e a Gandarela. O primeiro é un hábitat de interese prioritario para a Unión Europea ( código: 91E0) que ten como principal especie o ameneiro (Alnus glutinosa), con presenza de freixos (Fraxinus excelsior), freixas (Fraxinus angustifolia) e sabugueiros (Sambucus nigra), así coma plantas típicas de zonas húmidas, coma o xunco (Typha latifolia) ou o lirio (Iris pseudacorus). Durante as visitas realizadas avistáronse varios Ánades Reais, e unha Garza, aínda que este ecosistema pode acoller a outros pequenos anfibios, coma a píntega, ou mamíferos coma a lontra.
A Gandarela é unha xunqueira onde a unión entre a auga salgada da ría e a doce do río producen varias comunidades: no ámbito máis próximo a ría fórmase unha comunidade halófila de organismos de medios salinos (verdolaga mariña), augas arriba vaise definindo unha comunidade higrófila de vexetación de ambientes acuáticos (xuncos e lirios) e xa chegando ao ameneiral atópase a vexetación propia dunha comunidade riparia. A conservación de ambos está ameazada polas fortes presións da acción humana e a contaminación. Ademais da propia fábrica de Ence, estes hábitats foron parcialmente ocupados por unha subestación eléctrica, as cocheiras dunha empresa de transporte e as autovías da costa e conexión coa AP-9.
No ano 2019 o río Gafos e seu bosque de ribeira asociado foron declarados Espazos Natural de Interese Local (ENIL) segundo a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza. O río Gafos é un corredor ecolóxico que conecta a cidade coa contorna natural. Nace na Xestiña, preto da ría de Vigo e desemboca ao carón do peirao Corvaceiras. A declaración de ENIL recolle o treito dende a estación do ferrocarril ata o linde do concello de Pontevedra con Vilaboa. Neste tramo atópase a zona das brañas, onde o bosque de ameneiros, salgueiros e loureiros é máis amplo e cunha variada fauna de anfibios, réptiles e aves.
Sociedade
A parroquia de Santo André de Lourizán conta con vinte e tres entidades de poboación oficialmente recoñecidas. Na bacía do rego Louriñas están A Torre, Ponte Muíños, Cocheiras, e Gandarela, na do rego do Pazo de Lourizán están A Igrexa e Agrovello, no rego do Sartán atópanse O Rozo, O Freixeiro e o Sartán, e cara o rego dos Praceres temos O Regueiriño, Os Liñares, As Nogueiras, A Meán, O Rial, O Outeiro, Os Praceres e O Cabo. Outras seis entidades da parroquia conectan con Marín (Caritel, A Camboa, Estribela, Os Cunchidos e A Carballeira e O Marco) . Varios núcleos de Salcedo conecta con Lourizán a través da rede de antigos camiños: A Almuíña, A Costa, O Casal, A Muimenta, o Campo da Porte e o Carramal, ata chegar a Carballeira do Pazo de Galandón.
Segundo os datos do censo de 2021, nas tres seccións que recollen os núcleos do ámbito viven unhas 2500 persoas. Facendo unha selección máis polo miúdo, eliminando os núcleos fóra do ámbito de Lourizán a poboación redúcese a pouco menos de 1000, segundo datos do padrón de habitantes de 2022. Os datos estáticos do censo non arroxan moita luz sobre as dinámicas de poboación. A idade media da poboación oscila entre 48 e 49 anos; o 25% da poboación ten máis de 65 anos e hai un menor de idade por cada 7 adultos. O porcentaxe de poboación estranxeira é menor do 2% e o nivel de paro acadaba o 17% no ano 2021 (dous puntos por enriba da media da provincia). Un dos datos máis salientables é a baixa densidade de vivendas, equivalente a 2.13 vivendas por hectárea, moito máis baixa que outras zonas equiparables nas aforas de cidades costeiras galegas (como por exemplo, Samil, en Vigo ou Santa Cristina, en A Coruña).
O estudo das dinámicas demográficas mostra un proceso significativo de perda de poboación, contrario ao que veu sucedendo noutras áreas metropolitanas, nas que as áreas periurbanas foron absorbendo a poboación que non atopaba acomodo no centro das cidades. Nas últimas dúas décadas os núcleos máis próximos a fábrica de Ence perderon o 25% da súa poboación. As nove vilas da fronte litoral entre As Cocheiras e Os Placeres perderon máis de 260 habitantes, destacando este último, que sufriu un descenso do 34% da poboación (150 habitantes menos). Os núcleos da aba de Salcedo tamén perderon poboación, pero nunha proporción inferior ao 20%.
No conxunto da comarca salienta o efecto de atracción do centro de Pontevedra, que gañou case 12.000 habitantes entre 2022 e 1999. O crecemento dos núcleos periféricos concentrouse no norte, particularmente no limítrofe concello de Poio, na zona da Caeira, A Barca e Campelo. É evidente que a presenza da fábrica de Ence condiciona o desenvolvemento da ría polo forte efecto disuasorio que exerce, afastando a poboación e as actividades e servicios propios dos asentamentos urbanos polo seu impacto visual, acústico e olfactivo. De novo, vaga a penar comparar Lourizán con outras zonas similares do litoral galego, coma Samil, Santa Cristina, Santa Cruz, Carril…onde as súas condicións naturais e a proximidade co núcleo urbano principal (Coruña, Vigo, Vilagarcía) deron lugar a vilas puxantes e dinámicas, atraendo gran cantidade de poboación que buscaba lugares con gran calidade ambiental e paisaxística. Se ben a ordenación urbanística deste lugares podería mellorarse, dan conta do potencial de paraxes con características similares a Lourizán.
Infraestruturas
A condición pública do recheo de Lourizán propiciou que non so se instalase as fábricas de celulosa e cloro, senón tamén instalacións que non tiñan cabida na cidade. Unha vez consolidado o seu carácter industrial, xa non era necesario preocuparse polo impacto que as novas infraestruturas causaban neste territorio. Deste xeito, ao carón da fábrica atopamos unha subestación eléctrica, coas súas liñas de alta tensión, unhas cocheiras, e unha estación de depuración de augas residuais (EDAR).
A zona conta con equipamentos xerais pero as dotacións para a poboación local son escasas e están concentradas nos Praceres, onde se atopan un par de bares, a igrexa e un centro social. Para o resto de servizos, coma farmacia, supermercado ou escolas, é necesario desprazarse ata Marín. Tanto os centros de investigación (Areeiro, Lourizán) coma a fábrica de Ence, teñen unha estrutura introvertida e autónoma, que fai que os empregados xeren pouca vida na contorna.
Un dos condicionantes máis importantes de cara a re-naturalización da zona é a relación co porto de Marín, que forma parte da rede de Autoridades Portuarias do Estado é, polo tanto, é necesario manter a conectividade a través dunha vía de titularidade estatal, que facilite a entrada e saída das mercancías. Actualmente, o principal acceso ao porto se realiza pola autovía PO-107-1, cunha capacidade de dous carrís por sentido e unha intensidade media diaria (IMD) por enriba dos 20.000 vehículos, dos que 1.500 son vehículos pesados. O porto conta tamén cunha rede ferroviaria que o conecta o peirao de graneis e a zona de contedores coa estación de Pontevedra, e dende aí co eixo Atlántico. Polo tanto, o tramo de vía que atravesa Lourizán está exclusivamente dedicado as necesidades do porto.
A intensidade do tráfico da autovía da costa causaba importantes atascos no verán, xa que era un dos principais accesos as praias de Marín e Bueu dende Pontevedra. Outros problemas na operatividade deste vía deu lugar a remodelación das rotondas dos Praceres e da Gandarela. No primeiro caso construíse un viaduto a escasos metros da Igrexa de Santo André de Lourizán, facendo outra barreira entre o barrio de Os Praceres e Estribela. A rotonda da Gandarela ampliou o radio da existente para permitir o xiro das pezas dos xeradores eólicos. Para mitigar os atascos estivais se inaugura o último tramo da circunvalación de Marín (VG.4.4) no ano 2012, que parte da rotonda da Gandarela e discorre, mediante viadutos e trincheiras, polos montes do Pazo de Lourizán.
Economía
O principal argumento esgrimido polos defensores da fábrica de celulosas ten que ver co seu impacto na economía e os postos de traballo que a súa actividade xera. Estes postulados teñen tendencia a esaxerar as virtudes e ignorar as contrapartidas que a presenza da fábrica ten sobre a economía local, xa que impide o uso dun emprazamento crave para o desenvolvemento das cidades e vilas da contorna.
Ence era unha empresa estatal que foi privatizada no ano 2001, cando xa era ben coñecido que no ano 2018 debía abandonar a ría, e o grupo contaba con 750 empregados (segundo datos do SABI: Sistema de Análises de Balances Ibéricos). No ano 2023 a empresa xa tiña 200 empregados menos (segundo a mesma fonte) en todos os seus centros no estado: 547. Segundo o informe encargado pola propia compañía á consultora KPMG, a fábrica de Pontevedra tiña 329 empregados no ano 2013 (cando aínda había 701 no total). Non atopamos datos desagregados equivalentes máis actualizados nos informes oficiais, xa que as declaracións máis recentes son comunicados ambiguos que tenden a engadir empregos indirectos e inducidos para todo o estado. Se fora unha empresa galega (que non é o caso xa que ten a sede en Madrid), e se contáramos o total de 547 empregos, ocuparía o posto 67 no ranking galego por número de empregados. A maioría das 66 empresas que están por diante non saen nos medios nin son definidas como vitais. En canto a actividade económica, ocuparía o posto 31 de Galicia, de novo hai que lembrar que Ence ten a súa sé fiscal en Madrid, polo que paga o Imposto de Sociedades alí. Por este motivo tampouco aparece nos informes Ardán sobre as empresas de Galicia.
Non se nega a capacidade da empresa para xerar beneficios, o que resulta máis criticable dende o punto de vista económico, é o desequilibrio xeográfico entre onde extraen os recursos e onde se producen os impactos e cara onde se destina o groso do beneficio económico. Ence factura uns 400 millóns de euros ao ano. No ano 2023 repartiu 140 millóns de euros en dividendos aos seus accionistas, sendo os maioritarios (directamente ou a través de empresas) tamén membros do consello de administración. Os 13 membros de dito Consello de Administración (tan so un ten relación con Galicia) perciben máis de 2.5 millóns de euros en retribucións, sen ter en conta os dividendos. Gran parte desa riqueza é extraída de Galicia e vai cara Madrid.
Para favorecer a súa imaxe e influír nas asociacións locais, Ence lanzou 5 convocatorias do seu chamado plan social, cun orzamento de 3 millóns de euros por convocatoria. Isto é, un 2% do que repartiu en dividendos. A lista de beneficiarios inclúe medios de comunicación coma La Voz de Galicia, Economía Dixital ou Faro de Vigo, e outras institucións coma o Instituto Sondaxe (do grupo Voz), Fundación La Toja (organizadora do Foro “La Toja” )confrarías de Pescadores, e Comunidades de Montes, que suxire un criterio máis centrado en lavar a imaxe e favorecer subministradores e axentes do seu ecosistema económico que nunha labor social desinteresada.
A falta de estudos e datos independentes o traballo realizado tratou de establecer un marco comparativo para relativizar o peso da fábrica de celulosa na comarca, usando datos reais. En primeiro lugar creamos un mapa coa localización das 36 empresas da ría que máis emprego xeran e que teñen a súa sé principal nalgún dos concellos que bordean a Ría de Pontevedra. Segundo os datos do ano 2021, esas 36 empresas mantiveron 14.564 empregos directos e ingresaron máis de 3 mil millóns de euros, só nese ano. As 36 empresas, que teñen entre 95 e máis e 6.000 empregados, ocupan un diverso abanico de actividades (26), que van dende a distribución de alimentos ao téxtil, a pesca, conserva e procesado de pescado, fabricación naval, compoñentes de vehículos, transporte de pasaxeiros ou avicultura.
O panorama empresarial da ría complétase coa análise das pequenas e medianas empresas, fundamentais para o emprego local. Identifícanse 500 empresas que teñen a súa residencia fiscal na comarca e que empregan, directamente, entre 10 e 100 persoas. Estas empresas sustentan 11.500 empregos directos e facturaron, no ano 2021, máis de 2.000 millóns de euros. De novo, cabe salientar a gran diversidade nos sectores económicos activos, observándose 173 actividades diferentes. En total, temos que as empresas da ría, con máis de 10 empregados cada unha, producen 26.000 empregos directos e 5.000 millóns de euros ano. Falamos de empregos directos, porque os cálculos que inclúen a maiores os empregos indirectos e/ou inducidos son moito máis opacos, e dependen de metodoloxías e asuncións cun marxe de erro. Por iso hai que ter claro que cando Ence fala de máis de 500 empregos, está incluíndo estes cálculos, pero case nunca as premisas para chegar a eses datos.